Liga Dompiñas · Xornada 2: A canteira do CVSM brilla na Carballeira
O Polideportivo CIFP A Carballeira volveu vestirse de voleibol formativo este venres 27 de novembro coa celebración da segunda xornada da Liga Dompiñas 2026/2027. Os seis equipos da nosa canteira protagonizaron unha tarde intensa de xogo, compañeirismo e evolución constante sobre a pista.
QUENDA 1 · SOLIDEZ DE INFANTIL LAGOAS ANTE UN BATALLADOR INFANTIL C
INFANTIL C 0–3 INFANTIL LAGOAS
Parciais: 22-28 · 20-31 · 16-19
Sede: Polideportivo CIFP A Carballeira · Ourense
O primeiro encontro da tarde deixou longos intercambios e moi bo ritmo. Infantil Lagoas soubo xestionar con temple os momentos finais de cada parcial para levar os tres sets, fronte a un Infantil C que amosou unha notable melloría na continuidade de xogo.
QUENDA 2 · ESTREA TRIUNFAL DE INFANTIL B FRONTE Á ENERXÍA DE ALEVÍN REMEDIOS
ALEVÍN REMEDIOS 0–3 INFANTIL B
Parciais: 15-34 · 15-34 · 16-20
Sede: Polideportivo CIFP A Carballeira · Ourense
Infantil B acadou a súa primeira vitoria na competición cun saque moi consistente e gran traballo colectivo. Pola súa banda, as máis pequenas do club, Alevín Remedios, volveron dar unha lección de entrega e alegría competindo sen complexos ante un conxunto de categoría superior.
QUENDA 3 · DOMPA 20H MANTÉN O PULSO NO DUELO CADETE
DOMPA 20H 3–0 CADETE LAGOAS
Parciais: 28-17 · 26-19 · 17-16
Sede: Polideportivo CIFP A Carballeira · Ourense
O peche da xornada enfrontou aos dous equipos cadetes da liga nun partido de alta intensidade. Dompa 20h impuxo a súa firmeza na rede para sumar o pleno de sets e seguir invicto, aínda que Cadete Lagoas competiu de ti a ti ata un axustadísimo terceiro parcial (17-16).
Dende o CV San Martiño / Dompa Volei queremos agradecer de corazón ás familias, nais, pais e acompañantes a súa presenza e o seu apoio constante na bancada da Carballeira. A nosa canteira segue medrando xunta en cada xornada. ⚫🩷
Clasificación completa e calendario da vindeira xornada en liga.dompavolei.com.
Comentarios
Publicar un comentario