Xornada de viaxes: Sete partidos en 4 ubicacións
📅 Sábado 24 e Domingo 25 de outubro de 2026 · Pavillóns de Narón, Pontevedra, Carballo e Vigo
Horarios oficiais e sedes dos sete encontros do Dompa Volei nesta fin de semana.
Fin de semana de desprazamentos e voleibol de alta intensidade para a estrutura do Club Voleibol San Martiño / Dompa Volei. Tras o arranque da tempada diante da nosa afección na primeira xornada, a segunda cita en categoría autonómica leva aos nosos cadros a competir integramente a domicilio con sete encontros oficiais.
Dende as rías do norte ata o sur vigués, pasando por Bergantiños e a expedición valdeorresa cara á cidade do Lérez, o conxunto ourensán afronta un fin de semana esixente co obxectivo de consolidar o ritmo competitivo e sumar fóra da casa.
Narón · Pavillón da Solaina: Triple cita feminina e dobre reto para o Sénior
O Pavillón da Solaina vivirá unha intensa tarde de voleibol coa expedición feminina do club medíndose ás diferentes liñas do CV Narón Volea:
Primeiro dos dous compromisos consecutivos do noso Sénior Feminino, que afronta o partido de ida tras o troco de orde acordado entre ambos clubs. Concentración dende o primeiro punto para xestionar o esforzo físico.
Sen apenas descanso, as nosas xogadoras medirase ao filial B naronés. O manexo dos tempos, as rotacións e a fortaleza mental serán fundamentais nunha auténtica proba de resistencia.
O cadro cadete chega tras a vitoria no tie-break da primeira xornada (3-2). A Solaina esixirá máxima disciplina en recepción e contundencia ofensiva para manter a liña positiva de resultados.
Pontevedra · Pavillón Multiusos da Xunqueira (18:30 h)
Primeira saída oficial para o proxecto sénior de Valdeorras. Tras estrearse diante da súa xente no Pavillón Vello, o equipo barquense viaxa a Pontevedra en busca do seu primeiro triunfo en competición autonómica fóra da casa ante o filial do CV Pontevedra.
O primeiro conxunto sénior de Valdeorras afronta este sábado o seu primeiro desprazamento ligueiro.
Carballo · Pavillón Carballo Calero (20:00 h): Cita de 1ª División
Prato forte da xornada de sábado na máxima categoría autonómica. O primeiro equipo masculino desprázase a terras de Bergantiños para medirse a un dos históricos galegos, o Calvo Xiria. Agárdase un duelo vibrante de ritmo, bloqueo e defensa onde a regularidade en recepción marcará o desenlace.
Vigo · Pavillón Municipal de Coia (10:00 h): Mañá simultánea de canteira
A mañá de domingo terá como escenario a pista viguesa de Coia, onde dous dos conxuntos de formación saltarán á pista ás 10:00 h de xeito paralelo fronte ao Club Vigo Voleibol:
O conxunto infantil quere dar continuidade ás sensacións do debut, axustando detalles no saque e na construción ofensiva diante dun dos viveiros tradicionais do voleibol galego.
Estrea en competición autonómica regular para o Xuvenil Feminino tras o adiamento do seu primeiro encontro. O conxunto ourensán busca arrincar con firmeza e solidez colectiva nun desprazamento de esixencia.
As nosas categorías de base saltan á pista este domingo no Pavillón Municipal de Coia (Vigo).
Unha fin de semana ampla e determinante na que a estrutura do Dompa Volei buscará afianzar a súa progresión técnica e competitiva en todas as categorías en xogo.
Comentarios
Publicar un comentario