I COPA DE ESPAÑA: O DOMPA GESTIÓN OURENSE acada unha meritoria doceava praza no cadete

Dous equipos galegos, o AD Pinguela monfortino e o Dompa Gestión ourensán, participaron durante as vacacións de Nadal nun dos grandes eventos do ano para o voleibol de base, a primeira edición da Copa de España organizada pola RFEVB en Guadalaxara a finais do pasado mes de decembro.

Foto: O Dompa Gestión durante o torneo (enviada polo clube)

 

O conxunto monfortino firmou unha excelente actuación no apartado infantil feminino, quedando moi preto de facerse co título despois de erixirse como gran favorito na primeira fase.

Tras quedar primeiro de grupo con dous contundentes vitorias ante AD Rivas e Salesianos na ronda inicial, as galegas metéronse na eliminatoria tras vencer ao pontente Torrelavega por 2 sets a 1.

Nunha emocionante final celebrada o domingo 29 de decembro, finalmente caeron no terceiro set (2-1) ante o vixente campión, o colexio El Recuerdo de Madrid.

Cun resultado máis discreto rematou o Dompa Gestión Ourense a súa participación no apartado cadete feminino, en doceava posición e cunha valoración moi positiva da súa participación.

O conxunto ourensán comezou o torneo con moi bó pé superando ao Alcalá por 2 a 1, pero a pesar do bo papel das galegas, a fortaleza do grupo no que quedou inscrito relegounas á terceira praza tras caer ante o Cajamar Almería e o Univol Bregador (1-2 e 0-2 respectivamente).

Por un escaso set de diferenza as de Ourense non puideron optar a pelexar polo quinto posto da Copa na seguinte fase, quedando emparelladas contra o equipo local, Salesianos Guadalajara, con quen caerían en dous sets, igual que ante o potente Arona de Tenerife con quen finalizarían a súa participación obtendo unha meritoria décimo segunda praza.

Pero trascendendo o meramente deportivo, como nos relatan dende o propio clube San Martiño, o máis reseñable da experiencia "foi a convivencia do grupo e a demostración do bo nivel o que está o volei galego nestes anos. Ademáis as rapazas fixeron moitas amizades, e puideron observar partidos internacionais do torneo de Nadal que todos os anos se ven celebrando en Guadalajara, onde participaban as seleccións junior femenina e masculina".

 
 
 As rapazas do Dompa Gestión coa Selección Absoluta 

Unha experiencia sen dúbida recomendable para todos os equipos de base, aproveitando unhas datas reseñables nas que combinar deporte, convivencia e experiencias positivas para os rapaces.



Fuente: http://www.fgvb.es/noticias.asp?id=631#.Us830Zm9Kc2

Comentarios